O BOU DE BUEU
Empezamos a arranchar o barco Vou nun Bou no ano 2003 para poder saír ó mar no 2004.
Dezaseis bravos tripulantes coa idea de largar no Antroido en furanchos e bares da comarca, onde nos atopamos como peixe na auga, empregando como artes de pesca: a troula, a festa rachada e a crítica social.
Os amarres deste barco están en Bueu, Beluso, Cela ou a Illa de Ons.
Ímonos a aproveitar das señas que nos deron barcos como: Pirilleiras, Mulos, Xarangallo…
Pensamos que como se nos pode facer moi curta a marea do Carnaval e o noso non é estar amarrados o resto do ano no peirao, no carro ou en dique seco, decidimos saír ó mar polo menos unha vez ó mes, esa é a nosa regra.
Pescamos en augas revotas e vainos ben o mar de fondo, nada de estar á capa.
Moitas veces quérennos ver fóra das 200 millas e mándannos a lancha, pero nós temos licencia e sempre damos a cara. Tamén intentan botarnos ó fondo, pero a xente mantennos a flote.
Despois de tantas marés, os nosos caladoiros seguen a ser o ámbeto local xunto con algunha incursión no nacional e internacional se o peixe ten boa venta.